Sunday 28 de April de 2024

Boqueixón atrae emprendedores de proxectos centrados no sector do enoturismo


 

As iniciativas, de carácter privado, prevén a apertura de apartamentos enoturísticos en Pousada e tamén en Donas, onde tamén se plantaron varias hectáreas de viñedo

O municipio boqueixanés suscita o interese para desenvolver proxectos de emprendemento vencellados ao turismo. Así o ratifican dúas iniciativas, de carácter privado, desenvolvidas grazas aos fondos FEADER xestionados a través do GDR Terras de Compostela. O investimento total supera o medio millón de euros e beneficiará ás parroquias de Pousada e de Donas.

No primeiro caso, un complexo de turismo enolóxico que oferta un total de 18 prazas de aloxamento singular vén de abrir as súas portas no municipio. Promovido por Enoturismo María Manuela, este proxecto comprende a posta en marcha de 6 cabanas de madeira (unha delas completamente accesible), integradas na paisaxe natural da parroquia de Pousada. Esta sería a primeira fase dun complexo enoturístico que contaría con adega de viño amparada pola D.O. Rías Baixas e a construción de 12 cabanas.

Por outra banda, estase a executar outro proxecto na parroquia de San Pedro de Donas. Neste caso, trátase dun complexo turístico rural, que ofertará 30 prazas de aloxamento na modalidade de apartamentos turísticos. Para iso, a firma promotora -Garcilva, S.L.- está a rehabilitar edificacións coa finalidade de poñer en marcha un proxecto onde se fomente o turismo no rural potenciando o patrimonio, a paisaxe e os produtos agrícolas.

Cómpre salientar que na propia parroquia de Donas xa se implantou unha primeira fase dun proxecto vencellado ao sector vitivinícola. Trátase dunha plantación de viñedos de variedade de uva albariño. O obxectivo da empresa que vén de levar a cabo a devandita plantación (Grupo HGA Bodegas) tamén contempla unha segunda fase na que se prevé a construción dunha adega dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Dende o Concello de Boqueixón amosan o seu apoio e a súa satisfacción pola posta en marcha destes proxectos enoturísticos, xa que “van contribuír á posta en valor da nosa espectacular contorna natural”. Un factor ao que cómpre sumar a expansión do sector vitivinícola no municipio, incluído dentro do territorio da D.O. Rías Baixas.